Tuesday 14 de May de 2024

A IV Andaina Terras de Altamira abre o prazo de inscrición con tres novos percorridos en trébol de 14, 22 e 14 quilómetros


A proba, organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, terá lugar o 26 de maio

A IV Andaina Terras de Altamira, que terá lugar o sábado 26 de maio, vén de abrir o seu prazo de inscrición co obxectivo de igualar ou mesmo superar os 400 participantes rexistrados na edición anterior. Para conseguilo, a proba contará con novos percorridos por zonas inéditas do municipio, pero mantendo á Carballeira de Santa Minia como eixo central da proba.

“A finalidade principal da andaina é promover un estilo de vida san, baseado no deporte, e fomentar un maior aprecio e respecto polo medio ambiente, baseado no coñecemento das entornas naturais e dos fermosos paisaxes que atopamos en Brión. Por iso, os sendeiros escollidos van a ser totalmente novos, ofrecendo ao camiñante unha visión de Brión que, nalgúns casos, non coñecen nin os nativos da zona”, explica Xosé Manuel Trigo, director da IV Andaina Terras de Altamira

O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de maio ou ata que se completen as 450 prazas ofertadas pola organización. Para participar só é preciso ser maior de idade e anotarse ben a través da páxina web (www.andainaterrasdealtamira.org) ou presencialmente na Piscina Cuberta Municipal de Brión.

Prezo

A IV Andaina Terras de Altamira está organizada pola asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, que contan coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión e da Federación Galega de Montañismo. A proba volverá estar incluída dentro da Copa Galega de Andainas de 50 km promovida pola Federación Galega de Montañismo e puntuará para a mesma con 1 punto (tendo que conseguir 6 puntos como mínimo para optar á devandita copa). A proba volverá estar estruturada en forma de trébol de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia volverá ser o punto neurálxico da proba, xa que será punto de saída e chegada das tres rutas, de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente.

Unha das novidades deste ano son os prezos de participación, establecendo uns períodos de prezo reducido de inscrición (12 euros) ata o 30 de abril e dende o 14 ao 23 de maio (neste último período os participantes non terán dereito á bolsa do corredor), para o resto de inscricións dende 1 ao 13 de maio o prezo será de 16 euros.

Dentro destes prezos de participación estarán incluídos todos os servizos: ambulancia e médico, recollida dos participante en caso de abandono ou lesión, avituallamentos sólidos e líquidos, regalos conmemorativos da proba, diploma e medalla de finisher. Ademais estableceranse dúas zonas con “avituallamentos abundantes” con comida (empanada, pasta, bocadillos e froita) e bebida para o mediodía e para o remate da proba.

“Logo do éxito das pasadas edicións, afrontamos o reto de ofrecer aos participantes unha das mellores andainas de Galicia e para iso imos ter en conta as críticas e consellos que nos fixeron chegar para seguir mellorando ano a ano unha proba que xa é un clásico na programación deportiva do Concello de Brión”, indica Xosé Manuel Trigo.

A saída está prevista para as 9:00 horas e os sendeiristas poderán completar a distancia que desexen: facer o primeiro anel (14 km), parar ou continuar a polo segundo (14+22km), parar ou continuar polo terceiro (14+22+14 km). Esta distribución do percorrido en aneis está pensada para que cadaquén escolla a distancia que considere pode andar sen problemas segundo a súa capacidade física.